sábado, 23 de marzo de 2013

Éxito na primeira actividade da Asociación Cultural Pedra Seixa


O pasado sábado 16 de marzo a Asociación Cultural Pedra Seixa, fixo a súa primeira actividade no barrio, unha plantación lúdica-reivindicativa, no espazo existente entre os números 10 e 12 da rúa As Teixugueiras.

A pesar de ergérmonos ese día con choiva, contra as 11:00 hs o deus da auga deunos unha pequena tregua que nos permitiu facer a plantación sen ter que sacar o paraugas e que finalmente se achegasen moitos veciños e veciñas cos seus cativos para axudar, participar e colaborar.

Cando nos quixemos dar conta tiñamos un auténtico "exército" de pequenos colaboradores dispostos a enlamarse até o pescozo para axudar a plantar os carballos, camelios, castiñeiros e laureiros que agardaban con impaciencia poder enterrar as suas raíces no barrio de Navia. 

Un auténtico día de festa, no que se mesturou natureza e música (moitas grazas aos gaiteir@s: Alberto, Javi, Motse e aos Swaroskys, que amenizaron a mañá dun xeito fantástico) e no que puidemos comprobar que o interese por manter, coidar e adecentar as zonas verdes do barrio é un sentir maioritario. Contra o que dí o Sr. alcalde, parece claro que os veciños prefiren zonas verde a zonas de aparcamento.

Dende a asociación queremos agradecer e felicitar a todos os que participaron, e aos que non animalos a participar en vindeiras actividades.

Para os que desexedes participar, colaborar ou simplemente recibir información de vindeiras actividades podedes enviarnos un email a: acpedraseixa@gmail.com

Deixámosvos un pequeno resumo fotográfico do que foi o día.



























Ningún comentario:

Publicar un comentario